Thursday 02 de May de 2024

A longametraxe canadense ‘Profesor Lazhar’, nominada ao Oscar no ano 2011, entre as proxeccións desta semana no Fórum Metropolitano


As salas Fernando Rey e Marilyn Monroe acollen novas proxeccións de filmes en versión orixinal subtitulada. O ciclo de cinema francés continúa con ‘Une estonienne à Paris’

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa esta semana novas sesións cinematográficas en versión orixinal subtitulada ao castelán nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano.

O ciclo ‘O teatro levado ao cinema’, que comezou a inicios deste mes de febreiro, terá continuidade na sala Fernando Rey de xoves a sábado, os días 17, 18 e 19, coas proxeccións do filme canadense ‘Profesor Lazhar’ (2011), dirixida por Philippe Falardeau e protagonizada por Mohamed Fellag e Sophie Nélisse.

A obra, de algo máis de hora e media de duración, aborda a historia de Bachir Lazhar, un home de 55 anos e orixe arxelina, que é contratado como substituto dun mestre de primaria falecido en tráxicas circunstancias nunha escola de Montréal. A personalidade e particular forma de ensinar do novo mestre serán fundamentais para sacar adiante o curso, axudando aos seus alumnos a cambiar a súa forma de entender a vida.

A película estivo nominada ao Oscar na categoría de Mellor Longametraxe de Fala Non Inglesa, e gañou o premio ao Mellor Guión na Seminci de Valladolid.

As sesións de ‘Profesor Lazhar’, non recomendada para menores de 7 anos, están previstas para o xoves 17 (20.00 horas), venres 18 (20.00 horas) e sábado 19 (17.30 e 20.00 horas).

Terceira semana do ciclo de cine francés no Fórum Metropolitano
En paralelo, a sala Marilyn Monroe abrirá as portas, tamén entre xoves e sábado, para a proxección da película ‘Une estonienne à Paris’ (2012), encadrada no ciclo de cine francés ‘C’est la vie’ que comezou a inicios de mes no Fórum Metropolitano.

O filme, dirixido por Ilmar Raag e protagonizada por Jeanne Moreau e Corentin Lobet, conta a historia de Anne, que chega de Estonia a París para coidar a Frida, unha dama estoniana, xa en idade avanzada, e que vive en Francia desde moito tempo atrás. Á súa chegada, Anne percátase de que non é moi ben recibida. Frida está moi ocupada con Stéphane, o seu xoven amante. Anne, mentres tanto, vai resistindo á súa maneira. As sesións de ‘Une estonienne à Paris’, apta para todos os públicos, están previstas o xoves 17 (20.00 horas), venres 18 (20.00 horas) e sábado 19 (17.30 e 20.00 horas).

Neste sentido, o ciclo de cine ‘C’est la vie’, ao igual que ‘O teatro levado ao cinema’, forma parte da programación ‘Con acento francés’ en conmemoración polo Ano Internacional María Casares. Coincide, ademais, que se pode seguir visitando a exposición itinerante sobre a actriz coruñesa, organizada por Bibliotecas Municipais, no hall do Fórum Metropolitano.

Á venda as entradas para as sesións desta semana
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Ademais, as sesións do espectador, programadas para os sábados ás 17.30 horas, teñen un prezo único de 1,50 euros.